Sunday 19 de May de 2024

O pobo de Ordes reponde positivamente ao chamamento da futura asociación Amigos da Canceira de Ordes


Máis de trinta persoas asisten á xuntanza informativa convocada polo comité organizador para definir os seus obxectivos, o cal conta xa co compromiso e apoio do Concello

O comité organizativo da futura asociación Amigos da Canceira de Ordes convocou a veciños e veciñas para darse a coñecer e falar dos seus obxectivos máis inmediatos. Un chamamento que atraeu ata os baixos da alameda a máis de 30 persoas coa intención de contribuír no bo funcionamento do centro de acollida de animais abandonados municipal Segunda Oportunidade situado no parque empresarial de Merelle.
A dita asociación, pendente de que en breve o Rexistro da Xunta de Galicia lle dea o visto bo aos seus estatutos, nace coa premisa máxima de acadar o maior número de adopcións posible. Un labor co que se quere reducir o número de cans acollidos nas instalacións e o seu tempo de espera ata acadar un novo fogar, aumentando á vez o seu benestar e as súas sesións de paseo, de xogo e actividades dinamizadoras. Algo que se quere acadar mediante a axuda desinteresada dunha rede de voluntariado formada por todas aquelas persoas que o desexen. “Dar máis servizos e de mellor calidade”, tal e como se resumiu onte na xuntanza. A asociación parte dun carácter veciñal e provincial, e conta xa co compromiso e a estreita colaboración do Concello de Ordes.
Información e financiamento
Ademais disto tamén se están a organizar campañas de concienciación e información dirixidas á poboación estudantil entre outros. Que significa a responsabilidade de ter un can, como adestralos, as súas necesidades e condutas etc, son algúns dos aspectos dos que se quere informar e dar conta para brindarlle á veciñanza un punto de referencia e contacto para dar resposta ás súas dúbidas. Por outra banda tamén se están ideando xa campañas de financiamento e colaboración para contribuír no sufragamento dos gastos. De cara á divulgación da actividade do refuxio municipal de cans Segunda Oportunidade está prevista a próxima publicación dun espazo web.
Aquelas e aqueles que desexen máis información sobre a asociación ou queiran formar parte dela poden contactar cos responsables mediante o correo electrónico segundaoportunidade@gmail.com, ou ben a través do seu Facebook https://www.facebook.com/segundaoportunidade.ordes.